60.000 persoas demostran en Compostela ao PP que os profesores e os estudantes Queremos Galego!

O 90% de estudantes e profesores secundaban hoxe a folga convocada polos seus Sindicatos contra o Decretazo co que o PP quere reducir as horas de ensino en galego, aumentar o fracaso escolar e dividir á comunidade educativa. Miles de estudantes acudiron en masa á Manifestación Nacional. Unha importante parte dos estudantes e profesores proviñan de centros concertados, onde a ausencia de dereito á folga para estudantes e a explotación laboral dos profesores son o pan de cada día.

Ante o medo que produxo no PP o amplo rexeitamento  do seu proxecto de decreto, este tratou durante o último mes de presentar esta folga e á plataforma Queremos Galego como un compendio de "radicais" convocados por "plataformas nacionalistas". Utilizando o discurso cavernícola propio da dereita reaccionaria española, Feijóo trataba de dividir entre nacionalistas e non nacionalistas a estudantes e profesores coa idea de que a folga fracasase. Porén, contra estes intentos as organización estudantís e xuvenís da esquerda e todos os sindicatos amosamos a máis estrita unidade de acción golpeando cun só puño, de xeito que tanto a folga como a manifestación traducíronse en éxito total. A unidade de acción marca o camiño que debemos seguir para que teñan que retirar esta loucura de proxecto.

Os intentos de dividir ás organización sindicais estiveron patentes ate o último día, onde o goberno chamou á Queremos Galego e deixou ver na prensa que estaría disposto a aceptar un 50% de galego e castelán. Esta invitación foi correctamente rexeitada pola plataforma, xa que non era máis que un novo intento de última hora para desactivar a mobilización. Pero este convite repugnante tamén deixa entrever o medo que ten este goberno dos traballadores e estudantes galegos. A debilidade amosada aquí polo goberno indica que si é posible a vitoria. Hoxe, ao ver a magnitude da mobilización, o voceiro do PP declarou que os manifestantes "foron presionados polos piquetes preventivos". Outra mentira máis, xa que non fixeron falta piquetes de ningún tipo para mobilizar aos profesores e estudantes por algo tan evidente como é a defensa da nosa lingua.

Agora hai organismos tan pouco sospeitosos de ser de esquerdas como a Real Academia Galega que se pronuncian en contra do proxecto de Decreto. Estas institucións nunca "se mollan" para non quedar mal con ninguén. Pero a presión por abaixo esta a facer que todo o mundo se teña que posicionar. Hoxe mesmo 60 xuíces, avogados e catedráticos declaraban que o proxecto de Decreto era incompatible legalmente con leis de rango superior coma a LOE. Se ben nestas institucións non se pode depositar confianza, si serven para ver até que punto existe un rexeitamento masivo deste decreto.

Este decreto pode e debe converterse no pesadelo do PP. Debe ser o decreto que leve á tumba política a un goberno reaccionario, españolista e cavernícola. Para isto é necesario dar continuidade ao movemento que hoxe comezou en Compostela. Os estudantes temos que ir preparándonos para facer fronte a este ataque a aos que están por vir.

COMPAÑEIROS! debemos organizarnos no centro de estudos creando unha Sección do Sindicato de Estudantes que nos permita informar correctamente aos compañeiros, votar as folgas, dar asembleas para que todo o mundo saiba por que nos mobilizamos, facer valer o noso dereito á folga...AFÍLIATE E PREPARA AS VINDEIRAS MOBILIZACIÓNS!AFÍLIATE PARA LOITAR CONTRA O DECRETAZO DO GALEGO!


PERIÒDIC D'ESQUERRA REVOLUCIONÀRIA

bannerafiliacion2 01